domingo, 7 de junio de 2026

O PINCEL NON PARAAAAA!

 A primavera xa chegou á nosa aula!

Nestes últimos días, no Contexto Artístico, realizamos unha proposta moi colorida na que creamos unhas fermosas flores de primavera.

Ademais de pintar e dar renda solta á nosa creatividade, esta actividade permitiunos traballar aspectos moi importantes para a aprendizaxe. Tivemos que poñer moita atención para distinguir as flores do fondo, observar con detalle cada elemento e empregar as cores axeitadas en cada caso.

Deste xeito, mentres desfrutabamos creando as nosas obras de arte, tamén exercitamos a percepción visual, a concentración e a capacidade de seguir consignas, habilidades fundamentais nesta etapa educativa.

E, como podedes comprobar, o resultado encheu a aula de cor e de alegría, igual que a propia primavera! 



Pero , Pouco a pouco imos achegándonos ao verán, e no Contexto Artístico quixemos celebralo cunha proposta chea de cor e de mar .

Nesta ocasión pintamos unha gran balea nadando tranquilamente entre as ondas, un debuxo moi especial que se converterá na portada das nosas tarefas do terceiro trimestre.

A través desta actividade, ademais de desenvolver a creatividade e o gusto pola expresión artística, traballamos a atención e a observación, xa que tivemos que identificar os diferentes elementos do debuxo e empregar as cores máis axeitadas para cada un deles. Tamén puxemos en práctica a coordinación óculo-manual e a motricidade fina, intentando colorear con coidado e precisión.

Mentres pintabamos, aproveitamos para conversar sobre os animais mariños, o océano e a chegada do bo tempo, facendo voar a nosa imaxinación cara a praias, vacacións e aventuras de verán.

O resultado será unha portada preciosa, elaborada con moito esforzo e ilusión, que veredes próximamente. . . 


Seguiremos actualizando. . .

Biquiños


sábado, 16 de mayo de 2026

MISIÓN ESPACIAL: FOGUETE RDB

 Esta semana vivimos unha experiencia espectacular grazas á visita da familia de Artai 🚀💦

Convertémonos en auténticos científicos e científicas construíndo o noso propio foguete de auga, ao que bautizamos como RDB (Ría do Burgo). Para facelo empregamos unha botella de plástico á que lle colocamos uns estabilizadores nos lados e unha base especial para que puidese aterrar sen romper.

Despois chegou o momento máis emocionante: enchemos parte do foguete con auga e, coa axuda dun inflador, fomos metendo aire dentro da botella… e dentro… e máis dentro… ata que… PUM! 💥

O tapón saíu disparado, a auga foi expulsada cara abaixo e o noso foguete saíu voando cara arriba diante da sorpresa e emoción de todos e todas 🚀

Con este experimento aprendimos, dunha forma moi divertida, que os foguetes despegan grazas á forza do aire e da auga, descubrindo tamén a famosa 3ª Lei de Newton: cando algo empuxa cara abaixo, outra forza empurra cara arriba.

Foi unha actividade chea de aprendizaxe, curiosidade e emoción… e pasámolo xenial vendo despegar o noso Artemis 3 cara ao ceo! 🌍✨

Moitas grazas á familia de Artai por compartir connosco esta experiencia tan especial e facernos soñar que somos da NASA!


Seguiremos actualizando. . .



domingo, 3 de mayo de 2026

XOGANDO A APRENDER

 Na nosa aula aprendemos lectoescritura dun xeito moi especial: xogando, manipulando e partindo do que máis nos interesa 💛

Utilizamos propostas lúdicas nas que os nomes propios teñen un papel moi importante, xa que son palabras moi significativas para o alumnado. A partir deles, imos recoñecendo letras, ordenándoas, formando palabras, xogando cos sons… sempre a través de materiais manipulativos que nos permiten experimentar e aprender facendo.

Por exemplo, xogamos a construír o noso nome con letras móbiles, a buscalo entre outros nomes da aula, a ordenar as súas letras cando están descolocadas ou a contar cantas letras ten. Tamén facemos xogos de asociación imaxe-palabra, buscamos palabras que comezan polo mesmo son, ou clasificamos palabras segundo a súa letra inicial.

Antes de comezar a ler e escribir como tal, é fundamental traballar unha serie de prerrequisitos que son a base de todo este proceso. Na aula desenvolvemos a conciencia fonolóxica (escoitar e identificar sons), a discriminación visual (diferenciar letras e palabras), a memoria, a atención, a orientación espacial (direccionalidade da escritura), a motricidade fina e a coordinación óculo-manual.

Deste xeito, aprender a ler e escribir convértese nun proceso natural, motivador e respectuoso cos ritmos de cada neno e nena, no que o máis importante é construír unha boa base mentres desfrutamos aprendendo.


Seguiremos actualizando. . . 

Biquiños


PROPOSTAS ARTÍSTICAS DE PRIMAVERA

 

Partindo do grande interese que o noso alumnado amosa polos dinosauros 🦖 e aproveitando a chegada da Pascua, momento no que moitos e moitas contaban con ilusión que lles regalaban ovos ou participaban en búsquedas de ovos de Pascua 🥚, decidimos unir ambos intereses nunha proposta moi creativa no Contexto de Arte.

Así naceron os nosos “ovos de Pascuasaurio”: unha actividade na que, paso a paso, aprendemos a debuxar e decorar ovos moi especiais, cheos de cor e imaxinación, combinando o mundo dos dinosauros coa tradición da Pascua.

Foi unha experiencia moi motivadora na que, ademais de desenvolver a creatividade, traballamos a atención, a motricidade fina e o gusto por expresarnos a través da arte.


Aproveitando tamén o interese que espertou no alumnado o lanzamento á lúa da nave Artemis 2 🚀🌕, levamos esta motivación ao Contexto de Arte cunha proposta moi especial: aprender a debuxar a nosa propia versión da nave.

Seguindo un modelo en grande que iamos construíndo paso a paso entre todos e todas, o alumnado foi reproducindo o debuxo de maneira individual, atendendo ás indicacións e observando con detalle cada parte da nave.

A través desta actividade, non só desfrutamos creando, senón que tamén traballamos aspectos moi importantes como a atención, a escoita activa, a orientación espacial (arriba/abaixo, dentro/fóra, proporcións…), a coordinación óculo-manual e a capacidade de seguir instrucións secuenciadas. Ademais, favoreceuse a autonomía e a confianza nas propias posibilidades ao comprobar que, paso a paso, eran quen de realizar un debuxo cada vez máis elaborado.

Foi unha experiencia moi motivadora na que combinamos ciencia, imaxinación e arte… e na que nos sentimos un pouco máis preto da lúa! 🌕


Seguiremos actualizando. . .

Biquiños

viernes, 20 de marzo de 2026

CONTEXTO DE CASA-POBO: XOGANDO E APRENDENDO CON REGLETAS

 Traballar as matemáticas de xeito manipulativo en Educación Infantil é moi importante para que os nenos e nenas poidan entender mellor o que están a aprender. A través de materiais como as regletas, teñen a oportunidade de experimentar, tocar, comparar e descubrir por si mesmos, pasando pouco a pouco do concreto ao abstracto dun xeito natural.

As regletas axúdannos a explorar conceptos como as cantidades, as relacións entre números, as seriacións ou mesmo as primeiras operacións, favorecendo o razoamento lóxico e a resolución de pequenos retos de forma lúdica e motivadora. Así, as matemáticas convértense nunha experiencia máis próxima, activa e, sobre todo, divertida.

Reto 1: facer a escaleira que sube coas regletas atopando o valor de cada unha e asociando cada cor co seu valor.


Reto 2: As regletas están desordenadas, caéronse da escaleira e por riba pasou un rato cunha goma de borrar na cola e quitoulles a cor! Agora. . . como sabemos cal é cada unha?


Reto 3: Sumamos con regletas! Comeza a festa!


Seguiremos actualizando. . . 

PROPOSTAS ARTÍSTICAS DE INVERNO

A piques de despedir o inverno, queremos amosarvos algunhas das propostas tan chulas que levamos a cabo no Contexto de Arte durante esta estación.

Convertémonos en pequenos artistas creando un collage moi especial: representamos as nubes con algodón, a choiva con grafismos en forma de trazos verticais e puxemos en práctica o noso control óculo-manual e a precisión, intentando non trazar liñas por riba das figuras humanas que aparecían co paraugas.

Ademais, tamén traballamos a lectoescritura e a motricidade fina recortando, ordenando e pegando as letras para formar a palabra inverno.



E como o inverno é tempo de frío… moi frío! , aprendemos a debuxar paso a paso un animal que vive onde as temperaturas son baixísimas: o pingüín 🐧. Seguimos as indicacións con moita atención e… conseguímolo!

Desfrutamos moitísimo destas propostas, aprendendo e creando ao mesmo tempo.

Seguiremos actualizando. . .