sábado, 27 de diciembre de 2025

VISITAMOS O MUSEO DE BELAS ARTES DA CORUÑA

Os nenos e nenas de 5 anos fixemos unha saída moi especial ao Museo de Belas Artes da Coruña. Alí convertémonos en pequenos exploradores  e fixemos un percorrido polas catro estacións do ano: primaveIra, verán, outono e inverno.

A través de catro obras de arte, aprendemos a recoñecer cada estación fixándonos nas cores, na roupa das persoas, na paisaxe e no tempo que facía nos cadros. Buscamos flores e sol na primavera e no verán, follas e tons marróns no outono, e frío, neve e abrigo no inverno.

Foi unha experiencia moi divertida na que aprendemos a mirar, observar e descubrir a arte cos ollos ben abertos. As obras de arte tamén  contan historias… e nós encantados de escoitalas! 



No Museo de Belas Artes fixámonos nun cadro moi bonito adicado á primaveira. É do pintor Arturo Souto e chámase “Xardíns de Cuernavaca”. Está pintado con óleo sobre lenzo e está cheo de cores alegres e natureza.

Ao miralo con atención, falamos das flores, das plantas e das cores que nos lembran á primaveira, unha estación chea de vida, luz e alegría. Observamos, comentamos e deixamos voar a imaxinación, coma verdadeiros artistas! 

Aquí vos deixamos algunhas fotos deste momento tan especial. 



Despois de inspirarnos no cadro, puxémonos mans á obra e creamos a nosa propia alfombra floral. Con moita ilusión, traballamos xuntos e xuntas para facer unha composición chea de cores, formas e flores, como verdadeiros artistas. Foi unha actividade moi divertida na que deixamos voar a imaxinación.



Para descubrir o verán, observamos un cadro do pintor galego Francisco Lloréns chamado “Costas galegas”, pintado en óleo sobre lenzo. Nel vimos o mar azul, a luz do sol, as praias e a natureza chea de cor, elementos que nos axudaron a recoñecer esta estación tan calorosa e alegre.

Falamos do bo tempo, das vacacións, do mar e dos xogos ao aire libre, e deixamos voar a nosa imaxinación sentíndonos xa un pouco de verán. 

Ademais, aproveitamos para aprender que os pintores e pintoras usan diferentes materiais para crear as súas obras. Coñecemos a paleta, onde mesturan as cores; o pincel, co que pintan; e o lenzo, que é onde fan os cadros.

Descubrimos que con cores, ferramentas e moita imaxinación… tamén nós podemos sentirnos un pouco artistas!


Para representar o outono, observamos unha escultura do artista Manolo Paz, feita con cuarcita e madeira. Falamos das cores da estación, dos materiais naturais,   de como a natureza cambia nesta época do ano.e de como as esculturas tamén nos poden contar cousas, igual que os cadros. O outono achegouse a nós a través das formas, das texturas e da natureza.

Tamén conversamos sobre os froitos do outono, como as castañas, as noces ou as landras, e aprendemos que fan os animais nesta estación: algúns gardan comida, outros buscan refuxio e outros prepáranse para o frío do inverno.

Foi unha experiencia moi interesante para seguir descubrindo o outono cos ollos, coas mans e coa imaxinación.



Para coñecer o inverno, observamos un cadro moi especial do pintor Modesto Urgell, pintado en óleo sobre lenzo e titulado “Paisaxe”. Nel vimos cores frías, ceos grises e unha paisaxe tranquila que nos axudou a entender como é esta estación do ano.

Falamos do frío, da choiva, do vento, da neve, da roupa de abrigo que usamos no inverno e de como a natureza cambia cando chega esta estación. A través da arte, aprendemos a mirar con atención e a descubrir todo o que o inverno nos conta.


Seguiremos actualizando. . .

Pilar e Bibi

sábado, 15 de noviembre de 2025

A BIBLIOTECA: UN LUGAR PARA APRENDER E DESCUBRIR.

 Nas clases de 5 anos encántanos ir á biblioteca do cole, porque é moito máis ca un sitio cheo de libros (aínda que iso xa nos encanta!). A biblioteca é un espazo máxico onde aprendemos xogando, descubrimos cousas novas e traballamos en equipo.

Alí, por equipos, xogamos con diferentes materiais e xogos que nos axudan a medrar e a desenvolver un montón de habilidades importantes nesta idade. Algúns exemplos son:

🔸 Atención e concentración, para aprender a estar máis tranquilos e centrados.
🔸 Memoria visual, para lembrar formas, imaxes e detalles.
🔸 Pensamento computacional e iniciación á robótica, para resolver problemas, seguir pasos e crear pequenas programacións.
🔸 Coordinación óculo-manual, moi necesaria para escribir, debuxar e manipular obxectos.
🔸 Creatividade e imaxinación, a través dos contos, dos xogos e das actividades.
🔸 Linguaxe e expresión oral, contando historias e falando entre nós.
🔸 Convivencia e traballo en equipo, aprendendo a compartir, escoitar e colaborar.


Cada visita á biblioteca é unha aventura que nos axuda a medrar felices, curiosos e cheos de ganas de aprender. Porque no noso cole… a biblioteca é un mundo de aprendizaxes!

Seguiremos actualizando. . .

Biquiños

Pilar e Bibi

domingo, 9 de noviembre de 2025

ANIVERSARIOS DE OUTUBRO

 Este mes de outubro tivemos unha celebración moi saborosa na aula: os nosos compañeiros Santi e Sebas cumpriron anos! 


Para festexalo, convertéronse en verdadeiros cociñeiros e prepararon un biscoito delicioso . Despois convidaron aos seus compis da clase, que disfrutaron moitísimo desta sorpresa tan rica e feita con moito agarimo. 


Foi unha festa chea de risas, amizade e sabor a cumpre feliz!

Seguiremos actualizando. . .

Biquiños

sábado, 8 de noviembre de 2025

SAMAGOSTO 2025

Este Samagosto trouxemos cabazas terroríficas para decorar o colexio feitas coa axuda das nosas familias.

Tamén colaboramos pintando lámpadas de papel para facer cabazas que decorasen a Biblioteca do colexio.


Pintamos cartóns de ovos para facer sombreiros monstruosos que decorasen a Biblioteca do cole.


Comemos castañas coa axuda dos nosos padriños e madriñas.




Posamos amosando as nosas caras máis terroríficas. . .










Seguiremos actualizando. . .
Biquiños
Pilar e Bibi

viernes, 7 de noviembre de 2025

EXPERIMENTO DE SETEMBRO: A MELLOR SOPA DO MUNDO

 Este mes estivemos traballando moito a cohesión de grupo e a amizade a través do conto: A mellor sopa do mundo.

O conto gustoulles tanto que fixemos tamén un experimento baseado na historia.

Colocamos un plástico na parte superior da imaxe e papel de cociña na pota da sopa. Mesturamos auga con colorante e colocamos cunha pipeta gotiñas sobre a parte plástica. Cun pau de brocheta ou similar movémolas ata dentro da pota e observamos como no plástico non se desfán e camiñan cara á pota sen romperse e ao chegar ao caldeiro combínanse .

Ao mover as gotas de auga sobre unha superficie de plástico, pódese observar como a tensión superficial actúa sobre a gota, permitindo que manteña a súa forma. Ademais as moléculas de auga adhírense entre sí (cohesión) e interactúan coa superficie de plástico .

Aqui tendes aos peques explicando o experimento. . .
experimento: A mellor sopa do mundo de Bibianaboedoedu

Seguiremos actualizando. . .
Biquiños
Pilar e Bibi

martes, 28 de octubre de 2025

24 DE OUTUBRO: DÍA DAS BIBLIOTECAS

 O pasado 24 de outubro tivemos unha xornada moi especial no colexio, porque celebramos o Día das Bibliotecas. A nosa biblioteca encheuse de risas, palabras e moita maxia! ✨

Os padriños e madriñas lectores e lectoras reuníronse cos seus afillados e afilladas para compartir un momento moi bonito: ler contos xuntos. Houbo historias de animais, aventuras, fantasía… e tamén moitos agarimos e complicidade entre grandes e pequenos. 💕

Foi unha mañá chea de imaxinación, emoción e amor polos libros, porque cada conto é unha porta aberta a novos mundos.

📖 Viva a lectura e viva a nosa biblioteca! 🌟


Seguiremos actualizando. . . 

Biquiños.

Pilar e Bibi

domingo, 19 de octubre de 2025

PERDENDO O MEDO AO PEDIATRA

Este venres tivemos unha visita moi especial  en Infantil. Veu Cristina, a nai da nosa compañeira Ayane, para axudarnos a perder o medo a ir ao pediatra. Contounos, dun xeito moi divertido, que os médicos e médicas están para coidarnos e axudarnos a estar sans.


Cristina ensinounos algúns instrumentos médicos que usan os pediatras: o fonendoscopio para escoitar o corazón e a respiración, o diapasón para probar a audición, a luz para mirar os oídos e a gorxa, o oxímetro para comprobar a saturación de osíxeno, e o marteliño para comprobar os reflexos. Mesmo puidemos probarnos o fonendoscopio,o oxímetro e o diapasón nós mesmos!



Tamén vimos imaxes dunha gorxa e dun oído sans e enfermos, e escoitamos como soa o latido dun corazón san. Aprendemos que non hai nada que temer, e que no pediatra só queren ver se todo está ben para axudarnos a medrar fortes e felices.





Moitas grazas a Cristina por compartir o seu tempo, o seu cariño e ensinarnos tantas cousas interesantes! ❤️🩺


Seguiremos actualizando. . .

Biquiños

Pilar e Bibi

SAÚDE BUCODENTAL

 

Este luns recibimos no cole a Tamara, a nai do noso compañeiro Anxo de 4 anos. Veu contarnos, dun xeito moi divertido e ameno, como podemos coidar ben da nosa saúde bucodental. Aprendemos cando e como debemos lavar os dentes, que alimentos axudan a mantelos sans e por que é tan importante visitar ao dentista.


Lembrade que uns bos hábitos dende pequenos e pequenas son fundamentais para ter unha boca san e un sorriso forte: lavar os dentes despois das comidas, usar pouca azucre e acompañalos nas primeiras cepilladas axuda a crear rutinas positivas para toda a vida.

Moitas grazas a Tamara por compartir o seu tempo e facernos aprender sorrindo! 😄🪥

Seguiremos actualizando. . .

Biquiños

Pilar e Bibi

sábado, 18 de octubre de 2025

CAIXA MISTERIOSA DO OUTONO

 Coa chegada do Outono, tivemos unha actividade moi especial na aula. O noso compañeiro Mauro trouxo unha caixa misteriosa de outono para compartir con todos e todas. Dentro había distintos produtos típicos desta estación: follas secas, castañas, landras, noces...

A proposta serviu para descubrir o outono a través dos sentidos, especialmente do tacto, xa que tiñan que adiviñar os obxectos metendo a man por un buratiño sen mirar. Foi unha experiencia moi divertida e enriquecedora, na que tamén traballamos valores como compartir, cooperar e respectar as quendas.


Grazas a Mauro e á súa familia por achegar un anaco de outono á nosa aula e facer posible esta experiencia tan especial. 🌰🍂

Seguiremos actualizando. . . 

Biquiños

Pilar e Bibi

sábado, 11 de octubre de 2025

A MELLOR SOPA DO MUNDO.

 Estamos a traballar o conto A mellor sopa do mundo, unha fermosa historia que nos axuda a reflexionar sobre valores como a amizade, a solidariedade e o  feito de compartir. A través deste conto, o alumnado aprende que o importante non é o que cada quen ten, senón o que todos podemos conseguir xuntos cando colaboramos.



Ademais, o libro permítenos traballar a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, e tamén a educación emocional, xa que fomenta o respecto, a empatía e a convivencia. Pero non nos esquecemos dos/das artistas que levamos dentro, e así pintamos esa rica sopa de amizade.






Seguiremos actualizando. . .

Biquiños

Pilar e Bibi

domingo, 5 de octubre de 2025

ANIVERSARIO DE SETEMBRO

Ao rematar o mes de setembro a aula de 5 anos B converteuse nunha verdadeira festa porque… Cata cumpría anos! Para celebralo, puxémonos mans á obra e a cumpreañeira fixo un biscoito de cumple delicioso, puxemos as velas e cantámoslle  con moita ilusión.

Foi un momento cheo de ledicia e amizade.

Parabéns, Cata! Que sigas sumando anos e risas cos teus compis! 🥳💖🍰


Seguiremos actualizando. . .

Biquiños

Pilar e Bibi