viernes, 20 de marzo de 2026

CONTEXTO DE CASA-POBO: XOGANDO E APRENDENDO CON REGLETAS

 Traballar as matemáticas de xeito manipulativo en Educación Infantil é moi importante para que os nenos e nenas poidan entender mellor o que están a aprender. A través de materiais como as regletas, teñen a oportunidade de experimentar, tocar, comparar e descubrir por si mesmos, pasando pouco a pouco do concreto ao abstracto dun xeito natural.

As regletas axúdannos a explorar conceptos como as cantidades, as relacións entre números, as seriacións ou mesmo as primeiras operacións, favorecendo o razoamento lóxico e a resolución de pequenos retos de forma lúdica e motivadora. Así, as matemáticas convértense nunha experiencia máis próxima, activa e, sobre todo, divertida.

Reto 1: facer a escaleira que sube coas regletas atopando o valor de cada unha e asociando cada cor co seu valor.


Reto 2: As regletas están desordenadas, caéronse da escaleira e por riba pasou un rato cunha goma de borrar na cola e quitoulles a cor! Agora. . . como sabemos cal é cada unha?


Reto 3: Sumamos con regletas! Comeza a festa!


Seguiremos actualizando. . . 

PROPOSTAS ARTÍSTICAS DE INVERNO

A piques de despedir o inverno, queremos amosarvos algunhas das propostas tan chulas que levamos a cabo no Contexto de Arte durante esta estación.

Convertémonos en pequenos artistas creando un collage moi especial: representamos as nubes con algodón, a choiva con grafismos en forma de trazos verticais e puxemos en práctica o noso control óculo-manual e a precisión, intentando non trazar liñas por riba das figuras humanas que aparecían co paraugas.

Ademais, tamén traballamos a lectoescritura e a motricidade fina recortando, ordenando e pegando as letras para formar a palabra inverno.



E como o inverno é tempo de frío… moi frío! , aprendemos a debuxar paso a paso un animal que vive onde as temperaturas son baixísimas: o pingüín 🐧. Seguimos as indicacións con moita atención e… conseguímolo!

Desfrutamos moitísimo destas propostas, aprendendo e creando ao mesmo tempo.

Seguiremos actualizando. . .


jueves, 19 de marzo de 2026

EXPERIMENTOS

 Durante este curso, unha vez ao mes, no Contexto de Xogos-Científico convertémonos en pequenos científicos e científicas realizando distintos experimentos moi interesantes, cos que achegamos a ciencia aos mais pequenos/as e aprendemos moitas cousas.

En xaneiro, fixemos un experimento no que simulamos unha tormenta nun vaso empregando unha vela e un perfume con alcohol, o que nos permitiu observar diferentes reaccións e falar sobre este fenómeno.



Tamén levamos a cabo en febreiro outro experimento no que tentamos reproducir placas de xeo e o seu movemento e separación utilizando talco e xabrón de pratos. A partir desta actividade, falamos e aprendemos sobre a tensión superficial, o desxeo e a importancia de coidar o noso planeta.



Por último, neste mes de marzo achegámonos ao mundo dos volcáns. Coñecemos como son e como funcionan, e mesmo fixemos a nosa propia erupción volcánica empregando bicarbonato e vinagre branco, o que resultou ser unha experiencia moi divertida e sorprendente.


Seguiremos actualizando. . .


domingo, 8 de marzo de 2026

DÍA DA MULLER 2026

 Con motivo do Día da Muller, realizamos unha actividade especial na biblioteca do centro a través dunha sesión de contacontos, na que coñecemos a historia de Vagalume.

Tras a lectura, mantivemos unha pequena conversa para reflexionar sobre o conto e compartir as nosas ideas e impresións.

Para rematar, o alumnado expresou o que máis lle gustou mediante un debuxo, dando forma ás súas emocións e aprendizaxes.



Ademais, falamos dunha muller aventureira e valente como foi Amelia Earhart, coñecendo un pouco da súa historia e do seu exemplo.A través da súa biografía, reflexionamos sobre a importancia de loitar polos propios soños, superar as dificultades, confiar nas propias capacidades e entender que as mulleres tamén poden acadar grandes retos en calqueira ámbito.


Seguiremos actualizando. . . 


sábado, 28 de febrero de 2026

DÍA DE ROSALÍA: CÉ , ORQUESTRA PANTASMA.

 Con motivo do Día de Rosalía, tivemos na escola a sorte de gozar do concerto de Cé Orquestra Pantasma, que nos ofreceu unha actuación moi especial.

Foi un concerto moi participativo, cheo de música en galego, no que o alumnado puido cantar, bailar e implicarse en todo momento. Disfrutamos moitísimo desta experiencia, que nos permitiu achegarnos á nosa lingua e cultura dun xeito lúdico e moi divertido.

 Seguiremos actualizando. . .

RICA MEL !

No mes de febreiro recibimos no colexio a visita dun apicultor, que nos achegou ao fascinante mundo das abellas e nos explicou moitas cousas sobre o seu traballo. Grazas á súa visita, o alumnado puido coñecer de primeira man como viven as abellas, como se organizan dentro da colmea e a importancia que teñen para o medio ambiente.

Foi unha experiencia moi enriquecedora, na que aprenderon de maneira próxima, práctica e motivadora, espertando a súa curiosidade e interese pola natureza e polo coidado dos seres vivos.


Seguiremos actualizando. . . 
 



domingo, 4 de enero de 2026

Nadal 2025

Este Nadal a árbore da entrada de Infantil encheuse de maxia, cor e moito agarimo. Os nenos e nenas decorámola cos nosos propios adornos, que fixemos na casa coa axuda das nosas familias.

Cada adorno é único e especial, feito con ilusión, creatividade e moito amor. Grazas a todas as familias por colaborar e axudar a facer do noso cole un lugar aínda máis bonito neste Nadal.

Visitamos a biblioteca do colexio con moita ilusión e os ollos ben abertos, porque sabiamos que algo especial nos estaba agardando. Fomos alí para descubrir as trasnadas do elfo que nos visita cada Nadal e que sempre nos sorprende .

A biblioteca encheuse de maxia, sorrisos e moita emoción… porque cando chega o Nadal, todo pode pasar!




Agardamos con moitísima ilusión a visita ao colexio das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, soñando coa súa chegada e coa maxia que sempre traen con eles. Os nosos corazóns estaban cheos de emoción para recibilos.

Despois, tomamos para merendar chocolate con churros, a nosa merenda tradicional de Nadal, coa que nos despedimos do cole o último día antes de comezar as vacacións.

Foi un momento moi doce e cheo de alegría, compartindo risas e celebrando xuntos a chegada do Nadal.

Para poñer o broche final ás celebracións, xuntámonos no ximnasio do colexio para celebrar o noso fin de ano infantil. Alí despedimos o ano comendo gusanitos coas doce badaladas, entre risas, emoción e moita festa.

Pasamos un ratiño moi divertido compartindo cos compañeiros e compañeiras, cheo de alegría e ilusión, perfecto para comezar o novo ano con bo pé.

Vídeo Felicitación Familiar Navidad Año Nuevo Christmas Elegante Rojo de Bibianaboedoedu

Seguiremos actualizando. . .

Feliz 2026

Pilar e Bibi