domingo, 19 de octubre de 2025

PERDENDO O MEDO AO PEDIATRA

Este venres tivemos unha visita moi especial  en Infantil. Veu Cristina, a nai da nosa compañeira Ayane, para axudarnos a perder o medo a ir ao pediatra. Contounos, dun xeito moi divertido, que os médicos e médicas están para coidarnos e axudarnos a estar sans.


Cristina ensinounos algúns instrumentos médicos que usan os pediatras: o fonendoscopio para escoitar o corazón e a respiración, o diapasón para probar a audición, a luz para mirar os oídos e a gorxa, o oxímetro para comprobar a saturación de osíxeno, e o marteliño para comprobar os reflexos. Mesmo puidemos probarnos o fonendoscopio,o oxímetro e o diapasón nós mesmos!



Tamén vimos imaxes dunha gorxa e dun oído sans e enfermos, e escoitamos como soa o latido dun corazón san. Aprendemos que non hai nada que temer, e que no pediatra só queren ver se todo está ben para axudarnos a medrar fortes e felices.





Moitas grazas a Cristina por compartir o seu tempo, o seu cariño e ensinarnos tantas cousas interesantes! ❤️🩺


Seguiremos actualizando. . .

Biquiños

Pilar e Bibi

SAÚDE BUCODENTAL

 

Este luns recibimos no cole a Tamara, a nai do noso compañeiro Anxo de 4 anos. Veu contarnos, dun xeito moi divertido e ameno, como podemos coidar ben da nosa saúde bucodental. Aprendemos cando e como debemos lavar os dentes, que alimentos axudan a mantelos sans e por que é tan importante visitar ao dentista.


Lembrade que uns bos hábitos dende pequenos e pequenas son fundamentais para ter unha boca san e un sorriso forte: lavar os dentes despois das comidas, usar pouca azucre e acompañalos nas primeiras cepilladas axuda a crear rutinas positivas para toda a vida.

Moitas grazas a Tamara por compartir o seu tempo e facernos aprender sorrindo! 😄🪥

Seguiremos actualizando. . .

Biquiños

Pilar e Bibi

sábado, 18 de octubre de 2025

CAIXA MISTERIOSA DO OUTONO

 Coa chegada do Outono, tivemos unha actividade moi especial na aula. O noso compañeiro Mauro trouxo unha caixa misteriosa de outono para compartir con todos e todas. Dentro había distintos produtos típicos desta estación: follas secas, castañas, landras, noces...

A proposta serviu para descubrir o outono a través dos sentidos, especialmente do tacto, xa que tiñan que adiviñar os obxectos metendo a man por un buratiño sen mirar. Foi unha experiencia moi divertida e enriquecedora, na que tamén traballamos valores como compartir, cooperar e respectar as quendas.


Grazas a Mauro e á súa familia por achegar un anaco de outono á nosa aula e facer posible esta experiencia tan especial. 🌰🍂

Seguiremos actualizando. . . 

Biquiños

Pilar e Bibi

sábado, 11 de octubre de 2025

A MELLOR SOPA DO MUNDO.

 Estamos a traballar o conto A mellor sopa do mundo, unha fermosa historia que nos axuda a reflexionar sobre valores como a amizade, a solidariedade e o  feito de compartir. A través deste conto, o alumnado aprende que o importante non é o que cada quen ten, senón o que todos podemos conseguir xuntos cando colaboramos.



Ademais, o libro permítenos traballar a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, e tamén a educación emocional, xa que fomenta o respecto, a empatía e a convivencia. Pero non nos esquecemos dos/das artistas que levamos dentro, e así pintamos esa rica sopa de amizade.






Seguiremos actualizando. . .

Biquiños

Pilar e Bibi

domingo, 5 de octubre de 2025

ANIVERSARIO DE SETEMBRO

Ao rematar o mes de setembro a aula de 5 anos B converteuse nunha verdadeira festa porque… Cata cumpría anos! Para celebralo, puxémonos mans á obra e a cumpreañeira fixo un biscoito de cumple delicioso, puxemos as velas e cantámoslle  con moita ilusión.

Foi un momento cheo de ledicia e amizade.

Parabéns, Cata! Que sigas sumando anos e risas cos teus compis! 🥳💖🍰


Seguiremos actualizando. . .

Biquiños

Pilar e Bibi