domingo, 12 de noviembre de 2017

PROXECTO SALVAVIDAS


Queridas familias, despois de tanta foto de festa temos que poñernos un pouquiño mais serios, pois precisamos da vosa colaboración para levar adiante esta iniciativa.

Por se alguén non recibiu a información ou non consultou a páxina do cole, publicamos o texto con toda a explicación sobre o PROXECTO SALVAVIDAS.

Lede con atención porque xunt@s podemos conseguilo ! ! !

Bicos.



PROXECTO SALVAVIDAS.  Desde a Dirección e a ANPA do CEIP Plurilingüe Ría do Burgo dirixímonos a toda a comunidade educativa do centro para propoñer a participación de familias e profesorado nunha campaña solidaria, promovida polo Proxecto Salvavidas, que ten por obxectivo que o noso centro acabe sendo un Espazo Cardioprotexido coa instalación dun desfibrilador semiautomático e a formación do persoal para a abordaxe dunha serie de trastornos como a parada cardiorrespiratoria, asfixia e afogamentos.
A existencia de desfribiladores semiautomáticos para persoal non sanitario en lugares públicos, así como a formación en técnicas básicas de recuperación cardiopulmonar, consiguen salvar a unha elevada porcentaxe de persoas que sofren un paro cardíaco xa que, para isto, hai que actuar rápido e o desfibrilador debe chegar nos primeiros 4 minutos, tempo insuficiente, na inmensa maioría dos casos, para que acudan os servizos de emerxencias. Neste colexio, nos últimos anos, o profesorado e o alumnado, conscientes desta realidade, están a participar en diversas actividades relacionadas cos primeiros auxilios e a RCP. Opinamos que un desfibrilador non é un aparato máis para o centro educativo, xa que os beneficiarios son o alumnado, o profesorado, o persoal laboral  e, en xeral, todas as persoas que acoden ao centro a diario.
Para conseguir este obxectivo pedimos a participación activa das familias e da comunidade educativa, colaborando nacompra dunhas pulseiras coas que financiar o proxecto, xa que, se cada alumno/a acaba facéndose cargo de 3 unidades (ben sexa quedándose con elas ou vendéndoas a familiares, amigos e veciños), entre todos conseguiremos a cantidade de unidades necesaria coa que obteremos un desfibrilador de última xeración, a vitrina e cartelería, e a formación para o persoal docente. O donativo por cada pulseira é de 3 euros. As familias que, voluntariamente, queiran colaborar, notificarán a través dos nenos/as aos titores/as o luns, 13 de novembro, o número de pulseiras que queren. Cando saibamos o número total das mesmas, avisaremos para que as familias ou os nenos/as pasen a recollelas e pagalas.
Grazas de antemán pola colaboración prestada.


2 comentarios:

  1. Sumome totalmente a peticion de axuda de este Proxecto Salvavidas, eu como traballador da Sanidade sei o importante q é o desfibrilador a formacion dos docentes, traballadores do centro e incluso dos nenos( eles so no manexo das suas posibilidades en unha RCP)...E un proxecto caro, si, pero é moi barato para a tranquilidade de todos, pensemos q poden ser os nosos nenos, q ninguen estamos libres de sufrir unha parada cardiaca ou un simple atragantamento... Moitas gracias a todos pola vosa axuda pola parte q me toca a min e a miña familia... Un saudo...

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas polo comentario e por axudarnos a incidir na importancia deste proxecto dende a túa experiencia! ! !

    Grazas a tod@s por colaborar ! ! !

    Moitos bicos.

    Bibi

    ResponderEliminar