Os nenos e nenas de 5 anos fixemos unha saída moi especial ao Museo de Belas Artes da Coruña. Alí convertémonos en pequenos exploradores e fixemos un percorrido polas catro estacións do ano: primaveIra, verán, outono e inverno.
A través de catro obras de arte, aprendemos a recoñecer cada estación fixándonos nas cores, na roupa das persoas, na paisaxe e no tempo que facía nos cadros. Buscamos flores e sol na primavera e no verán, follas e tons marróns no outono, e frío, neve e abrigo no inverno.
Foi unha experiencia moi divertida na que aprendemos a mirar, observar e descubrir a arte cos ollos ben abertos. As obras de arte tamén contan historias… e nós encantados de escoitalas!
No Museo de Belas Artes fixámonos nun cadro moi bonito adicado á primaveira. É do pintor Arturo Souto e chámase “Xardíns de Cuernavaca”. Está pintado con óleo sobre lenzo e está cheo de cores alegres e natureza.
Ao miralo con atención, falamos das flores, das plantas e das cores que nos lembran á primaveira, unha estación chea de vida, luz e alegría. Observamos, comentamos e deixamos voar a imaxinación, coma verdadeiros artistas!
Aquí vos deixamos algunhas fotos deste momento tan especial.
Para descubrir o verán, observamos un cadro do pintor galego Francisco Lloréns chamado “Costas galegas”, pintado en óleo sobre lenzo. Nel vimos o mar azul, a luz do sol, as praias e a natureza chea de cor, elementos que nos axudaron a recoñecer esta estación tan calorosa e alegre.
Falamos do bo tempo, das vacacións, do mar e dos xogos ao aire libre, e deixamos voar a nosa imaxinación sentíndonos xa un pouco de verán.
Ademais, aproveitamos para aprender que os pintores e pintoras usan diferentes materiais para crear as súas obras. Coñecemos a paleta, onde mesturan as cores; o pincel, co que pintan; e o lenzo, que é onde fan os cadros.
Descubrimos que con cores, ferramentas e moita imaxinación… tamén nós podemos sentirnos un pouco artistas!
Para representar o outono, observamos unha escultura do artista Manolo Paz, feita con cuarcita e madeira. Falamos das cores da estación, dos materiais naturais, de como a natureza cambia nesta época do ano.e de como as esculturas tamén nos poden contar cousas, igual que os cadros. O outono achegouse a nós a través das formas, das texturas e da natureza.
Tamén conversamos sobre os froitos do outono, como as castañas, as noces ou as landras, e aprendemos que fan os animais nesta estación: algúns gardan comida, outros buscan refuxio e outros prepáranse para o frío do inverno.
Foi unha experiencia moi interesante para seguir descubrindo o outono cos ollos, coas mans e coa imaxinación.
Para coñecer o inverno, observamos un cadro moi especial do pintor Modesto Urgell, pintado en óleo sobre lenzo e titulado “Paisaxe”. Nel vimos cores frías, ceos grises e unha paisaxe tranquila que nos axudou a entender como é esta estación do ano.
Falamos do frío, da choiva, do vento, da neve, da roupa de abrigo que usamos no inverno e de como a natureza cambia cando chega esta estación. A través da arte, aprendemos a mirar con atención e a descubrir todo o que o inverno nos conta.
Seguiremos actualizando. . .
Pilar e Bibi







No hay comentarios:
Publicar un comentario