domingo, 3 de mayo de 2026

XOGANDO A APRENDER

 Na nosa aula aprendemos lectoescritura dun xeito moi especial: xogando, manipulando e partindo do que máis nos interesa 💛

Utilizamos propostas lúdicas nas que os nomes propios teñen un papel moi importante, xa que son palabras moi significativas para o alumnado. A partir deles, imos recoñecendo letras, ordenándoas, formando palabras, xogando cos sons… sempre a través de materiais manipulativos que nos permiten experimentar e aprender facendo.

Por exemplo, xogamos a construír o noso nome con letras móbiles, a buscalo entre outros nomes da aula, a ordenar as súas letras cando están descolocadas ou a contar cantas letras ten. Tamén facemos xogos de asociación imaxe-palabra, buscamos palabras que comezan polo mesmo son, ou clasificamos palabras segundo a súa letra inicial.

Antes de comezar a ler e escribir como tal, é fundamental traballar unha serie de prerrequisitos que son a base de todo este proceso. Na aula desenvolvemos a conciencia fonolóxica (escoitar e identificar sons), a discriminación visual (diferenciar letras e palabras), a memoria, a atención, a orientación espacial (direccionalidade da escritura), a motricidade fina e a coordinación óculo-manual.

Deste xeito, aprender a ler e escribir convértese nun proceso natural, motivador e respectuoso cos ritmos de cada neno e nena, no que o máis importante é construír unha boa base mentres desfrutamos aprendendo.


Seguiremos actualizando. . . 

Biquiños


PROPOSTAS ARTÍSTICAS DE PRIMAVERA

 

Partindo do grande interese que o noso alumnado amosa polos dinosauros 🦖 e aproveitando a chegada da Pascua, momento no que moitos e moitas contaban con ilusión que lles regalaban ovos ou participaban en búsquedas de ovos de Pascua 🥚, decidimos unir ambos intereses nunha proposta moi creativa no Contexto de Arte.

Así naceron os nosos “ovos de Pascuasaurio”: unha actividade na que, paso a paso, aprendemos a debuxar e decorar ovos moi especiais, cheos de cor e imaxinación, combinando o mundo dos dinosauros coa tradición da Pascua.

Foi unha experiencia moi motivadora na que, ademais de desenvolver a creatividade, traballamos a atención, a motricidade fina e o gusto por expresarnos a través da arte.


Aproveitando tamén o interese que espertou no alumnado o lanzamento á lúa da nave Artemis 2 🚀🌕, levamos esta motivación ao Contexto de Arte cunha proposta moi especial: aprender a debuxar a nosa propia versión da nave.

Seguindo un modelo en grande que iamos construíndo paso a paso entre todos e todas, o alumnado foi reproducindo o debuxo de maneira individual, atendendo ás indicacións e observando con detalle cada parte da nave.

A través desta actividade, non só desfrutamos creando, senón que tamén traballamos aspectos moi importantes como a atención, a escoita activa, a orientación espacial (arriba/abaixo, dentro/fóra, proporcións…), a coordinación óculo-manual e a capacidade de seguir instrucións secuenciadas. Ademais, favoreceuse a autonomía e a confianza nas propias posibilidades ao comprobar que, paso a paso, eran quen de realizar un debuxo cada vez máis elaborado.

Foi unha experiencia moi motivadora na que combinamos ciencia, imaxinación e arte… e na que nos sentimos un pouco máis preto da lúa! 🌕


Seguiremos actualizando. . .

Biquiños