domingo, 3 de mayo de 2026

XOGANDO A APRENDER

 Na nosa aula aprendemos lectoescritura dun xeito moi especial: xogando, manipulando e partindo do que máis nos interesa 💛

Utilizamos propostas lúdicas nas que os nomes propios teñen un papel moi importante, xa que son palabras moi significativas para o alumnado. A partir deles, imos recoñecendo letras, ordenándoas, formando palabras, xogando cos sons… sempre a través de materiais manipulativos que nos permiten experimentar e aprender facendo.

Por exemplo, xogamos a construír o noso nome con letras móbiles, a buscalo entre outros nomes da aula, a ordenar as súas letras cando están descolocadas ou a contar cantas letras ten. Tamén facemos xogos de asociación imaxe-palabra, buscamos palabras que comezan polo mesmo son, ou clasificamos palabras segundo a súa letra inicial.

Antes de comezar a ler e escribir como tal, é fundamental traballar unha serie de prerrequisitos que son a base de todo este proceso. Na aula desenvolvemos a conciencia fonolóxica (escoitar e identificar sons), a discriminación visual (diferenciar letras e palabras), a memoria, a atención, a orientación espacial (direccionalidade da escritura), a motricidade fina e a coordinación óculo-manual.

Deste xeito, aprender a ler e escribir convértese nun proceso natural, motivador e respectuoso cos ritmos de cada neno e nena, no que o máis importante é construír unha boa base mentres desfrutamos aprendendo.


Seguiremos actualizando. . . 

Biquiños


No hay comentarios:

Publicar un comentario