jueves, 19 de marzo de 2026

EXPERIMENTOS

 Durante este curso, unha vez ao mes, no Contexto de Xogos-Científico convertémonos en pequenos científicos e científicas realizando distintos experimentos moi interesantes, cos que achegamos a ciencia aos mais pequenos/as e aprendemos moitas cousas.

En xaneiro, fixemos un experimento no que simulamos unha tormenta nun vaso empregando unha vela e un perfume con alcohol, o que nos permitiu observar diferentes reaccións e falar sobre este fenómeno.



Tamén levamos a cabo en febreiro outro experimento no que tentamos reproducir placas de xeo e o seu movemento e separación utilizando talco e xabrón de pratos. A partir desta actividade, falamos e aprendemos sobre a tensión superficial, o desxeo e a importancia de coidar o noso planeta.



Por último, neste mes de marzo achegámonos ao mundo dos volcáns. Coñecemos como son e como funcionan, e mesmo fixemos a nosa propia erupción volcánica empregando bicarbonato e vinagre branco, o que resultou ser unha experiencia moi divertida e sorprendente.


Seguiremos actualizando. . .


domingo, 8 de marzo de 2026

DÍA DA MULLER 2026

 Con motivo do Día da Muller, realizamos unha actividade especial na biblioteca do centro a través dunha sesión de contacontos, na que coñecemos a historia de Vagalume.

Tras a lectura, mantivemos unha pequena conversa para reflexionar sobre o conto e compartir as nosas ideas e impresións.

Para rematar, o alumnado expresou o que máis lle gustou mediante un debuxo, dando forma ás súas emocións e aprendizaxes.



Ademais, falamos dunha muller aventureira e valente como foi Amelia Earhart, coñecendo un pouco da súa historia e do seu exemplo.A través da súa biografía, reflexionamos sobre a importancia de loitar polos propios soños, superar as dificultades, confiar nas propias capacidades e entender que as mulleres tamén poden acadar grandes retos en calqueira ámbito.


Seguiremos actualizando. . . 


sábado, 28 de febrero de 2026

DÍA DE ROSALÍA: CÉ , ORQUESTRA PANTASMA.

 Con motivo do Día de Rosalía, tivemos na escola a sorte de gozar do concerto de Cé Orquestra Pantasma, que nos ofreceu unha actuación moi especial.

Foi un concerto moi participativo, cheo de música en galego, no que o alumnado puido cantar, bailar e implicarse en todo momento. Disfrutamos moitísimo desta experiencia, que nos permitiu achegarnos á nosa lingua e cultura dun xeito lúdico e moi divertido.

 Seguiremos actualizando. . .

RICA MEL !

No mes de febreiro recibimos no colexio a visita dun apicultor, que nos achegou ao fascinante mundo das abellas e nos explicou moitas cousas sobre o seu traballo. Grazas á súa visita, o alumnado puido coñecer de primeira man como viven as abellas, como se organizan dentro da colmea e a importancia que teñen para o medio ambiente.

Foi unha experiencia moi enriquecedora, na que aprenderon de maneira próxima, práctica e motivadora, espertando a súa curiosidade e interese pola natureza e polo coidado dos seres vivos.


Seguiremos actualizando. . . 
 



domingo, 4 de enero de 2026

Nadal 2025

Este Nadal a árbore da entrada de Infantil encheuse de maxia, cor e moito agarimo. Os nenos e nenas decorámola cos nosos propios adornos, que fixemos na casa coa axuda das nosas familias.

Cada adorno é único e especial, feito con ilusión, creatividade e moito amor. Grazas a todas as familias por colaborar e axudar a facer do noso cole un lugar aínda máis bonito neste Nadal.

Visitamos a biblioteca do colexio con moita ilusión e os ollos ben abertos, porque sabiamos que algo especial nos estaba agardando. Fomos alí para descubrir as trasnadas do elfo que nos visita cada Nadal e que sempre nos sorprende .

A biblioteca encheuse de maxia, sorrisos e moita emoción… porque cando chega o Nadal, todo pode pasar!




Agardamos con moitísima ilusión a visita ao colexio das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, soñando coa súa chegada e coa maxia que sempre traen con eles. Os nosos corazóns estaban cheos de emoción para recibilos.

Despois, tomamos para merendar chocolate con churros, a nosa merenda tradicional de Nadal, coa que nos despedimos do cole o último día antes de comezar as vacacións.

Foi un momento moi doce e cheo de alegría, compartindo risas e celebrando xuntos a chegada do Nadal.

Para poñer o broche final ás celebracións, xuntámonos no ximnasio do colexio para celebrar o noso fin de ano infantil. Alí despedimos o ano comendo gusanitos coas doce badaladas, entre risas, emoción e moita festa.

Pasamos un ratiño moi divertido compartindo cos compañeiros e compañeiras, cheo de alegría e ilusión, perfecto para comezar o novo ano con bo pé.

Vídeo Felicitación Familiar Navidad Año Nuevo Christmas Elegante Rojo de Bibianaboedoedu

Seguiremos actualizando. . .

Feliz 2026

Pilar e Bibi

sábado, 27 de diciembre de 2025

VISITAMOS O MUSEO DE BELAS ARTES DA CORUÑA

Os nenos e nenas de 5 anos fixemos unha saída moi especial ao Museo de Belas Artes da Coruña. Alí convertémonos en pequenos exploradores  e fixemos un percorrido polas catro estacións do ano: primaveIra, verán, outono e inverno.

A través de catro obras de arte, aprendemos a recoñecer cada estación fixándonos nas cores, na roupa das persoas, na paisaxe e no tempo que facía nos cadros. Buscamos flores e sol na primavera e no verán, follas e tons marróns no outono, e frío, neve e abrigo no inverno.

Foi unha experiencia moi divertida na que aprendemos a mirar, observar e descubrir a arte cos ollos ben abertos. As obras de arte tamén  contan historias… e nós encantados de escoitalas! 



No Museo de Belas Artes fixámonos nun cadro moi bonito adicado á primaveira. É do pintor Arturo Souto e chámase “Xardíns de Cuernavaca”. Está pintado con óleo sobre lenzo e está cheo de cores alegres e natureza.

Ao miralo con atención, falamos das flores, das plantas e das cores que nos lembran á primaveira, unha estación chea de vida, luz e alegría. Observamos, comentamos e deixamos voar a imaxinación, coma verdadeiros artistas! 

Aquí vos deixamos algunhas fotos deste momento tan especial. 



Despois de inspirarnos no cadro, puxémonos mans á obra e creamos a nosa propia alfombra floral. Con moita ilusión, traballamos xuntos e xuntas para facer unha composición chea de cores, formas e flores, como verdadeiros artistas. Foi unha actividade moi divertida na que deixamos voar a imaxinación.



Para descubrir o verán, observamos un cadro do pintor galego Francisco Lloréns chamado “Costas galegas”, pintado en óleo sobre lenzo. Nel vimos o mar azul, a luz do sol, as praias e a natureza chea de cor, elementos que nos axudaron a recoñecer esta estación tan calorosa e alegre.

Falamos do bo tempo, das vacacións, do mar e dos xogos ao aire libre, e deixamos voar a nosa imaxinación sentíndonos xa un pouco de verán. 

Ademais, aproveitamos para aprender que os pintores e pintoras usan diferentes materiais para crear as súas obras. Coñecemos a paleta, onde mesturan as cores; o pincel, co que pintan; e o lenzo, que é onde fan os cadros.

Descubrimos que con cores, ferramentas e moita imaxinación… tamén nós podemos sentirnos un pouco artistas!


Para representar o outono, observamos unha escultura do artista Manolo Paz, feita con cuarcita e madeira. Falamos das cores da estación, dos materiais naturais,   de como a natureza cambia nesta época do ano.e de como as esculturas tamén nos poden contar cousas, igual que os cadros. O outono achegouse a nós a través das formas, das texturas e da natureza.

Tamén conversamos sobre os froitos do outono, como as castañas, as noces ou as landras, e aprendemos que fan os animais nesta estación: algúns gardan comida, outros buscan refuxio e outros prepáranse para o frío do inverno.

Foi unha experiencia moi interesante para seguir descubrindo o outono cos ollos, coas mans e coa imaxinación.



Para coñecer o inverno, observamos un cadro moi especial do pintor Modesto Urgell, pintado en óleo sobre lenzo e titulado “Paisaxe”. Nel vimos cores frías, ceos grises e unha paisaxe tranquila que nos axudou a entender como é esta estación do ano.

Falamos do frío, da choiva, do vento, da neve, da roupa de abrigo que usamos no inverno e de como a natureza cambia cando chega esta estación. A través da arte, aprendemos a mirar con atención e a descubrir todo o que o inverno nos conta.


Seguiremos actualizando. . .

Pilar e Bibi